O peor que pode pasar e non o sabes

Canto tempo levarei durmindo… que hora é… xa me sitúo… ¿que pasou hoxe? ¿Que foi o que pasou que me retumban os miolos?

            Erguínme de mala hostia cos demáis e conmigo, erguínme moi cabreada, tanto que aínda me acordo: berrei, culpei, insultei, aborrecín, convertínme nunca persoa retorta e non sei moi ben como foi.

            Chegamos á residencia cedo, coma de costume, e estivemos agardando entre dúas sás de espera. Na primeira había unha señora coa cabeza rapada á que unha de bata branca saudou con familiaridade, e volvín a odia-lo mundo. Chamáronnos para cambiar de sá, alí esperamos calados, caladiños como os da procesión de Semana Santa, con algún intento de esnaquiza-lo xeo solidificado.

Chegou un coñecido do meu pai operado de cólon e mireille o periódico mentres el pasaba as follas facendo que lía. E chegou despois unha das “chicas de onco” – que soa a nome exótico de Sudáfrica polo menos-, chegou logo a doutora, a mesma rapaza con bata branca que cruzamos no despacho da secretaria. “En dez minutos estou contigo”, estará repasando a historia, xa tratan o paciente coma se fose da súa posesión emocional, agora nos pertences e de vostede pasas a ser ti, a miña nai empeza a entrar pola porta que a bota de casa e a resitúa nun espacio etéreo de batas brancas, goteos e salas de espera que pesan na mente coma chumbo fundido.

            Sentáronse meus pais enfrente da mesa, eu quedei nun segundo plano, inexistente, de pé, contemplando á muller que tiña diante e que de súpeto adquirira unha categoría diferente á que lle concedín antes, unha muller inmensa, empalagosa ou tremendamente doce, de grandes ollos azuis que morde o labio inferior continuamente. Fagamos un repaso da traxectoria hospitalaria, correción da idade que ven mal na tarxeta sanitaria e é un dato importante a ter en conta, de 67 a 74, ou 73, para min sempre será un enigma a idade da miña nai.

            Nun principio non hai por que desconfiar de que non che vaia sentar ben o tratamento, haberá que facerlle as probas pertinentes, só debes preocuparte en poñerte ben e coller forzas, forzas para que digo eu mentalmente, que non sexa para perdelas, se acaso para invertilas. Así e todo, miña nai con mala cara, cara de cero alongado cara abaixo, unha mala cara que me cabrea, pónme alerta, éntranme ganas de tirarme pola fiestra máis próxima, a poder ser que estea aberta, non quero facer esforzos que padezo de espalda.

¿Onde está a verdade, onde a mentira?

            Non entendo nada non entendo nada seguimos inmersos en roteiros protocolarios, en dúbidas escuras.

            Volvemos á quinta planta, esta vez de visita, miña tía que rompeu unha cadeira, somos “los pupas”. Imos no ascensor, fascínome da capacidade que desenrolei para orientarme pola residencia, entra unha camilla (padiola) e imos todos comprimidos na esquiniña do ascensor que queda libre, meu pai, miña nai e eu, e un señor alleo polo medio de nós, tamén recollido como pode. Primeira parada na segunda planta, que vai sair a camilla, temos que saír nós tamén para que poida saír ela, escoitamos gritos e choros, que escuro está no pasillo, miro ao lado e alí está a escea desgarradora que a min nin me inmuta, unha nena tirada no chan que se contorsiona involuntariamente de cando en vez e ten dificultades para respirar, que me pasa, son unha pedra, os que supoño familiares abrázanse separados e choran, unha muller de uniforme azul mira querendo decir algo, non sei que, sae a camilla e cando imos volver a entrar os catro no ascensor para escapar da molesta escea volve o celador pedíndonos o ascensor, debe volver a por outra camilla de urxencia para a nena.

Así que alí quedamos, forzados outra vez a contempla-la paranoia que hai nesa habitación sen porta do lado do ascensor.

Que facer se se pode facer algo, mirar non mirar, vou non vou, o home alleo do ascensor que se apretou connosco adiántase cara a escea e detrás imos meu pai e eu. Achégase ao grupo de familiares e lle pon a man no hombro ao home que abraza á muller que chora, que leva un xersei amarelo e un xesto contraído en sufrimento mentres a nena segue soa sen máis vixiancia que os ollos da do uniforme azul e os meus, que non poden mirar para outro lado.

Canto máis me achego máis comprendo que o correcto é recuar, así o debe de entender tamén meu pai que súbitamente da media volta, mirámonos fuxitivamente e voltamos xunto á mamai que esquecimos por segundos, que quedou sentada nunha silla de hospital enfrente do ascensor, está mirando de lonxe e chora coma se fora a súa dor, comprímeseme o corazón e volvo a odia-la vida por estes malditos momentos, escachou a pedra, agora son aire estancado. Enfádome e prohíbolle chorar a miña nai, mañá heille por diques ó mar.

            Saímos do hospital e lembro con rabia que esquencín pedir o xustificante para o curso do INEM que comecei hai dúas semanas, teño que voltar á consulta, casi paso, prefiro ir para casa a cura-la mala leite escupindo ao ceo ata que quedo durmida e anestesiada despois de facer algunhas cousas da casa e limparlle a ferida de abaixo a miña nai que, por certo, volve a estar infectada, o que suporá un novo ingreso no hospital.

            Dentro e fóra, in and out, hai unha delgada liña intermitente que aparece e desaparece tentando diferenciar o meu mundo interior do meu mundo exterior buscando solucións imposibles a cuestións implantexables.

            Os cans dos veciños non paran de ouvear, debe ser certo eso que din de que os animais sonche clavadiños aos donos.

            Hai unha ferida infectada que supura, a mesma de antes, dor de ósos, eu aquí tirada inflándome a petas, así ata que revente, mañá hei ir cargarlle a tarxeta de televisión á miña nai para que poda segui-la voda real, o acontecemento do ano según para quen (…) Nunca chove ó gusto de todos: mentira. Cando chove despois de quence-lo sol á esgalla todo o mundo enteiro séntese aliviado.

            Estou a soñar que estou esperta. Son unha rapaza normal e corrente que fai as súas cousas de rapaza normal e corrente. A paisaxe é lonxana e sen embargo son capaz de senti-la ledicia de quen pode durmir tranquilo, ou embriagarse a gusto. Abro un ollo e vexo que aínda son as cinco da mañá. Quédanme tres horas para seguir a recordar como era cando era libre. Esperto confusa co sonido do espertador de fondo e todo volta á cabeza outra vez coma fai sete horas. Eu racionalizo as emocións, as reparto analíticamente e conclúo, coma os vellos nos enterros, que non somos nada.

            Xa cheguei á sala de espera da doutora. Cinco minutos, dez minutos, cuarto de hora. As once e media. Teño que voltar para clase ás doce. Unha señora mayor conta a outra as súas andanzas tras tempo sen verse “¿E casaches?” “Sí muller, hai corenta e catro anos…” Mirámonos entre nós e botamos unha risiña, a señora explica onde vive, á dereita despois da gasolineira, bota en falta ir sachar que xa non pode, danos a risa outra vez, a interlocutora dille que no seu caso non é para tanto, máis risa.

Enseguida o entorno vóltase lúgubre, o home que está sentado enfrente de min ve impacientado como sae a súa doctora da consulta, saúda e vai cara o fondo. Dille o home á muller “Aínda vai para alá” “¿E logo tes présa? Porque eu non teño ningunha…” contéstalle a muller. Pois eu sí que teño présa, moita présa. Peto na porta, “Un momento”, outros cinco minutos, dez minutos, chaman ao señor que de repente vóltase pouquiña cousa, a menos dez abre a da miña nai “Estaba atendendo unha consulta telefónica”, xa, somos moitos, e o que falamos nesa consulta aínda non teño forzas para poñelo.

            Houbo na miña vida unha paréntese de catro días, catro días enriba dos dous anos que levaba morta, catro días escondida no lecer forzado que distrae a mente contra vento e marea.

Berráronme o peito e a gorxa ó ritmo dunha voz ferida e guitarras impecables, enredoume a ansiedade de tolear e ser falsamente feliz, anhelei a artificialidade coma quen busca auga no deserto, expreseime coma se fora libre e chorei despois cando me vin presa de novo, chea de cadeas e metralla, empurrada contra un muro feito de silvas, de parede rugosa, con culebras nos furados que se me arriman ás orellas. Sinto que teño que escapar como sexa e, cando o fago, comprobo estragada que tampouco era esa a solución, que a solución é quedar alí mirando por outro prisma ata que descubro de novo que errei outra vez, que me volvín a trabucar e o tempo bule mentres fico sentada no muro facendo probas para decidir cara onde teño que tirar de cada vez.

A crónica dunha morte anunciada non fixo máis que extraviarme de vez.

Estaba queda diante do ataúde da súa nai. Ansiaba ir durmir, que tanto rollo para nada, se total cando chegara a casa todo ía estar coma sempre. Cría que todo formaba parte dun escaparate para os familiares e os amigos, que eles realmente sabían que non pasara nada, que todo estaba xa solucionado, como se a miña nai curase en vez de morrer.

Pasei a noite tirada polos sofás do tanatorio, escoitando as lerias insustanciais das miñas tías coma música de fondo de banda sonora orixinal e, cando se fixo de día, comprendín o amargo desencontro que me estaba poñendo en bandexa de prata a vida. Chorei cunha pena descoñecida ata entón, estaba descubrindo o sentimento de perda que ía a pasar a formar parte de min para o resto dos meus días.

             De cero a mil, de todo a nada. Cando cheguei á casa si que estaban as cousas coma sempre, todo coma sempre, coa salvedade do osíxeno que xa non facía falla, -claro evidente, mamá xa non o precisa – pero cando chegou á porta da habitación ela xa non estaba alí, estaba a cama feita coa almofada que lle comprara unha das súas irmás para que estivese máis cómoda; colleu a almofada e alí estaba o timbre, o chamador polo que a nai lles chamaba cando precisaba algo… ¿onde vai mamá? Mamá morreu, morreu, morrer é non estar, pero non estar nunca máis, non non estar coa idea de volver, ata que pasara un mes ou así non me din conta de todo. Da enfermidade, da morte, do enterro, do duelo. De que prepararse para o enterro non é coma cando se preparaba para saír de festa cos amigos.

De que cando algo así pasa o mundo da unha volta tan grande que xa nada volve a ser o mesmo.

Opina

Introduce tus datos o haz clic en un icono para iniciar sesión:

Logo de WordPress.com

Estás comentando usando tu cuenta de WordPress.com. Cerrar sesión /  Cambiar )

Google photo

Estás comentando usando tu cuenta de Google. Cerrar sesión /  Cambiar )

Imagen de Twitter

Estás comentando usando tu cuenta de Twitter. Cerrar sesión /  Cambiar )

Foto de Facebook

Estás comentando usando tu cuenta de Facebook. Cerrar sesión /  Cambiar )

Conectando a %s